Venres
noite, interior,derradeiros alentos do frío do inverno que vai
marchar con vento fresco axiña. Nun dos escasísimos reductos
televisivos que me prestan vexo La Tía Tula de Miguel Picazo.
Unha película, en fin, de cando todo era máis escuro pero
había espellos en branco e negro para coñecernos mellor
(isto é unha canción dos Beatles pero en versión
Mustang, que se lle vai facer).
 
Remata La Tía Tula con ese plano-secuencia do tren das soidades
e aparece un cortometraxe dun señor de Fene que se chama Alberto
Alonso. A Guadalaxara de Picazo deixa paso ao Monfero de Alonso e
unha parella de paisanos que van morrer e saben o como e argallan
o cando. Ao mellor non, se cadra non saben nada e o panorama que os
envolve, tan cheo de verdes de fraga, de ocres de mil anos de soidade
(de aldea), é unha ambigüedade tan certa como a néboa
que se descolga polas abas do monte que baixa ao río que baixa
a unha cova baixo da chuvia.
A muller dá corda a un reloxo perpetuo e o home cava e cava
como se fose a derradeira vez.
 
Venres noite, interior; eu fico atrapado no tempo gracias a este cortometraxe,
lento como un río pousón, húmido como a chuvia
que pasma, unha e outra vez, nos verdes de Monfero, no negro e amarelo
de dúas galiñas que petiscan ao redor da cova.
Esta obra de Alberto Alonso leva por título As Muxicas e transmite
sutileza, intensidade, conmoción. Logo, nos créditos,
vexo que todo ten tanto que ver con nós. Todo.
Tanto.

Vicente
Araguas escribe en el Diario
de Ferrol
|