Guión
para Longametraxe de Ficción
BELADONA

|
En "Beladona" volvo utilizar a Galicia como trasfondo da historia que pretendo contar. Se no meu anterior 35 mm trataba entre outros o tema da incomunicación, aquí o asunto xeral (aínda que hai moitos máis) sería o totalitarismo -e a intolerancia- dentro do contorno familiar. Visualmente busco seguir un pouco a liña do meu anterior traballo en 35 mm, "As Muxicas", sobre todo no ámbito estético. Esta vez distánciome un pouco do xénero fantástico e pretendo achegarme máis ao western (crepuscular, e á galega) en clave de thriller dramático con brochazos de horror, unha especie de "Perros de paja" de Sam Peckinpah nas terras do noroeste pero cun tratamento máis humanista e menos desesperanzador (e aínda que evite na medida do posible imaxes de violencia explícita, igual de descarnado). Fai tempo lin nalgún sitio que se consideraba a "Centauros del desierto" coma o primeiro western crepuscular, puro cine clásico doutra banda. Trata por primeira vez o filme de John Ford, o desarraigamento dos últimos homes do oeste ante a chegada dos novos tempos, as novas ideas, a civilización, o sangue novo. Trátase dun subgénero onde empezan a aparecer individuos desclasados, fóra de época, con ideas ou formulacións mellores ou peores, pero caducos e sen dúbida condenados a desaparecer. Lugares comúns estes que se converterán en recurrentes coa irrupción, algúns anos despois, da nova vertente do xénero implantada por directores como Sam Peckimpah, Sergio Leone, Don Siegel, Clint Eastwood, Walter Hill, entre outros.. e o propio John Ford en sucesivas incursiones. Traslademos
todo isto á Galicia da época (anos 20). No canto da
chegada da civilización, a fuxida cara á mesma; o principio
do fin do mundo da aldea, das tradicións, da sociedade rural,
o comezo da lenda da muller que con axuda da "meiga" envelenou
ao pai incestuoso, o mozo Patricio equivalente do audaz e inexperto
pistolero, cinemascope, rostros endurecidos, longos primeiros planos,
contraluces extremos que ocultan unha figura ameazante, partitura
western (Lalo Schifrin, Bernard Herrmann, Jerry Fielding, Ennio Morricone)
en clave folk, violencia, vinganza... Un decorado decadente, habitado
por perdedores, que sacrifican a súa vida para nun último
intento darlle algún sentido á mesma.
|